16.11.07

O reto da igualdade


Por Amada Traba.
Profesora na Universidade de
Vigo. Pertence ao Consello Nacional do BNG.

O deseño de calquera política pública que tente construír a igualdade entre homes e mulleres debe partir dunha análise social axeitada. A análise realizada desde o feminismo ten permitido que na actualidade,nos países occidentais, se goce dunha situación de igualdade ata agora descoñecida. As diferentes achegas desde este campo teórico permitiron ver como a construción do sistema de xénero ten repercusións na definición da identidade e nas posibilidades e oportunidades do individuo, no seu xeito de vida, na súa autonomía, independencia económica, capacidade de decisión e de participación, etc.

Este é un dos elementos básicos de partida, pois non se pode construír a igualdade sen unha formulación teórica que permita ver a orixe da desigualdade e definir o horizonte.

É posible abordar a igualdade desde a esfera chamada produtiva; a presenza ou ausencia das mulleres na esfera da produción convértese nun factor determinante no mantemento e reprodución da desigualdade social entre homes e mulleres. Pero esta non é a única condición que determina a consecución da igualdade, pois para chegar a construír unha sociedade de iguais non basta con fomentar a participación das mulleres no espazo da produción, senón que é preciso actuar politicamente no espazo da reprodución, cuantificando o traballo reprodutivo para o seu recoñecemento, socializándoo a través da xeneralización de servizos de atención as necesidades persoais e fomentando o reparto solidario das tarefas reprodutivas ou de coidado entre os dous xéneros.

Vivimos no denominado Estado de Benestar, terceira fase das democracias modernas nacidas da Ilustración, baseadas nun pacto ou contrato social que non só xera uns dereitos de cidadanía, senón que institúe uns dereitos sociais en relación coa esfera da produción. Como as mulleres están excluídas desa esfera non son, realmente, ou na mesma medida, suxeitos deses dereitos sociais. Isto está no trasfondo da feminización da pobreza, tan estendida actualmente, e fai necesaria a reforma dos sistemas de cobertura social. Se as políticas de igualdade non modifican as situacións de exclusión non só non se pode falar de igualdade, senón que habería que preguntarse pola posibilidade da consecución da democracia.

As mulleres temos recoñecidos, formalmente, unha serie de dereitos universais de cidadanía: o dereito á educación, á saúde, ao traballo asalariado, á participación política etc., pero por mor dunha construción de xénero baseada na desigualdade e na subordinación patriarcal, temos máis difícil que os homes o exercicio deses dereitos recoñecidos formalmente. Daquela trátase de avanzar na consecución da igualdade cun carácter máis substantivo, que recoñeza as dificultades que teñen a súa orixe na construción do sistema de xénero de xeito desigual e subordinado, e transformar o modelo relacional dese sistema.

O principio de non discriminación por razón de sexo tradúcese nun tipo de igualdade formal, mesmo legal, que non ten en conta a desigualdade preexistente. A desigualdade que afecta ás mulleres é unha desigualdade estrutural, sustentada no patriarcado.

O establecemento e o recoñecemento da igualdade formal/legal revelouse incapaz por si soa de modificar a situación de desigualdade e foi preciso levar á práctica outras liñas de acción políticas, dedicadas unhas a impulsar a igualdade de oportunidades e outras a establecer medidas de acción positiva co obxectivo de fomentar o emprego das mulleres e mellorar a súa situación no mercado de traballo. Pero a implantación destas accións non evitaron unha desigual incorporación das mulleres no mercado de traballo, porque a equiparación das condicións de acceso non garantiu a igualdade de resultados ao non ter incidido directamente na esfera reprodutiva e doméstica.

A centralidade reprodutiva das mulleres, debido á construción de xénero, repercute na dificultade obxectiva de compaxinar produción e reprodución, que ten como consecuencia unha integración desigual e segregada das mulleres.

As políticas de igualdade, que son consecuencia da reflexión desde o pensamento feminista -sexan de igualdade de oportunidades ou de acción positiva, especificamente dirixidas ás mulleres-, estiveron encamiñadas a combater as desigualdades no ámbito da produción, ou sexa, o espazo dominado polo modelo masculino. Pero desde hai un tempo, coincidindo coa avaliación de resultados desas políticas e co estancamento observado na situación, foi preciso incorporar novas estratexias e actuar con medidas que contribúan ao recoñecemento social e económico do traballo reprodutivo.

O traballo que hai por diante é un traballo de transformación dos atributos que actualmente conforman o xénero masculino e feminino. Supón unha nova construción dos mesmos baseada no reparto igualitario das responsabilidades domésticas como condición indispensable para acadar a igualdade na esfera pública, no mercado e no acceso aos cargos de responsabilidade.

Os destinatarios destas políticas non son exclusivamente as mulleres, como é obvio, senón toda a sociedade, posto que implican profundos cambios estruturais e culturais. Esta orientación implica cambios nos valores, poderes e prestixios; debe ser capaz de demostrar a importancia fundamental que teñen as actividades tradicionalmente atribuídas ás mulleres para o desenvolvemento xeral da sociedade, e por suposto para o desenvolvemento da política e da economía chamada produtiva.

Ademais implica reivindicar unha nova solidariedade entre os sexos -non un pacto sexual de exclusión-, orientada ao equilibrio na vida e abarcando todos os traballos necesarios para o funcionamento da sociedade, así como a reconsideración e a transformación da presente organización socioeconómica patriarcal.

No caso de Galiza é preciso superar unha longa etapa na que realmente non había un deseño de política de igualdade, senón un organismo hipertrofiado que distribuía fondos públicos supostamente con ese fin, xustificando a existencia de políticas de obrigado cumprimento dentro da UE pero sen incorporar a análise teórica adecuada e sen ocupar o espazo político necesario para desenvolvelas seriamente. As políticas de igualdade deberán incorporar a perspectiva transversal en toda a Administración para lograr o obxectivo da igualdade real, a tan citada conciliación de responsabilidades e realizar a tarefa pendente de abordar este reto desde a perspectiva de xénero.

Temos que crear novos modelos de emprego para homes e mulleres que recoñezan o reparto das obrigas por igual e tamén no recoñecemento dunha dimensión máis ampla das persoas que combine o emprego, a familia, e o espazo persoal e social sen que por isto teñan que derivarse desvantaxes sociais ou económicas nin de ningún outro tipo. Ademais, esta nova organización baseada na conciliación vai permitir aproveitar mellor o caudal de recursos humanos tan desaproveitado e mutilador.

As diferentes estratexias a seguir na política de igualdade non son incompatibles entre si. Pódese traballar desde a igualdade de oportunidades, que ten moita importancia para abordar cambios no marco lexislativo, lexislando directamente a favor da equidade a través de leis específicas ou integrais que encaren distintos aspectos da discriminación.

Pero os cambios lexislativos non son suficientes para cambiar os roles e as identidades que permitan o exercicio deses novos dereitos. A acción positiva consiste, basicamente, en corrixir a desvantaxe inicial das mulleres. Isto ven implicar que en igualdade de condicións débese primar a unha muller sobre un home. Unha liña semellante é a coñecida como empoderamento que consiste no emprego de cotas, e en xeral, en capacitar e estimular ás mulleres para elevar a súa conciencia no exercicio dos dereitos e proporcionarlles instrumentos para exercer como líderes.

Da incorporación do marco conceptual de xénero aplicado non só ao mundo da política e da produción, senón tamén á esfera doméstica, xurde unha nova liña de traballo nas políticas de igualdade, aquela que contempla a división dos citados espazos como unha dicotomía de ausencia/presencia, onde, se as mulleres non están no público non é porque estean sen facer nada, pasivas, senón porque están facendo outra actividade, familiar ou comunitaria, nomeadamente voluntaria e polo tanto invisible e gratuíta, mais non inútil nin improdutiva, pero en todo caso fóra do mercado. No campo de aplicación política estamos a falar da transversalidade ou o mainstreaming de xénero nas actuacións de todas as institucións políticas. Esta liña de transversalidade pode aplicarse ás políticas de igualdade de oportunidades ou, o que é máis significativo, para lograr un cambio estrutural no sistema de xénero. O mainstreaming supuxo á incorporación da responsabilidade de abordar políticas para acadar a igualdade en todas as instancias, niveis e políticas do Estado, e o que é mais importante aínda, a incorporación da perspectiva de xénero en todas esas instancias, niveis e políticas. Daquela non só se trata de transversalizar, senón que é preciso ponderar as relacións de xénero diante de calquera intervención política. Esta estratexia, que xa hai cinco anos que ven formulada pola UE, permite experimentar con novas liñas de traballo que afecten e modifiquen a definición patriarcal do xénero. Pode permitir que se modifiquen aspectos estruturais como a consideración e vertebración da familia e do espazo público/privado, así como a modificación da consideración do tempo. Os cambios que están a demandar estas constatacións son de tal calado para a estrutura da sociedade que precisan da incorporación dun profundo cambio cultural e da incorporación activa das institucións públicas e privadas.

O emprego desta estratexia non entra en contradición co emprego das outras estratexias citadas anteriormente. Do mesmo xeito, é importante tamén o emprego da estratexia coñecida como da paridade, que consiste na aplicación de cotas simétricas ou case simétricas. Esta estratexia obriga aos poderes públicos a tomar medidas para lograr unha presenza paritaria de homes e mulleres nas instancias de poder político, social, administrativo e xudicial. Non só non son incompatibles, senón que segundo todas as avaliacións expertas débense manter todas elas ao ser complementarias e ademais a causa do alto grao de concienciación que necesita o mainstreaming.

As liñas de traballo.

A violencia de xénero é unha das lacras sociais máis importantes que é preciso erradicar canto antes. Como é sabido forma parte da propia estrutura patriarcal e dos valores que manteñen a desigualdade de xénero. Neste sentido debe ser un obxectivo prioritario da igualdade. Tamén é sabido que a complexidade do problema fai que a súa abordaxe se teña que facer desde a transversalidade.

A conciliación da vida laboral e familiar. As políticas de creación e ampliación de servizos ás persoas a través de programas e estruturas, optimizando o existente e innovando, buscando solucións aos problemas que se están xa a formular co envellecemento da sociedade e posibilitando unha nova e inxente fonte de novos empregos e dando resposta ás novas demandas de benestar do colectivo maior e das persoas que hoxe os atenden en condicións extraordinariamente precarias. O noso país presenta un escandaloso déficit estrutural de servizos para o coidado das crianzas, das persoas maiores e das persoas dependentes en xeral.

É preciso facer un gran esforzo de investimento e de reorganización das prestacións (coberturas, poboación destinataria, horarios etc.), nun prazo curto de tempo en servizos como: centros de coidado de día, servizos de coidado persoal de proximidade, atención domiciliaria, cobertura total da demanda de escolarización infantil, reorganización do horario escolar, servizos nas escolas que permitan a conciliación (comedores e custodia fóra de horario escolar). É preciso igualmente investir en programas que contemplen o cofinanciamento dos servizos de atención ás persoas, e programas que poñan en marcha novos e innovadores mecanismos de cooperación e axuda mutua no campo dos servizos ás persoas e ás familias para o cal é preciso que sexan as persoas as protagonistas no proceso de formulación das demandas e necesidades así como das posibles solucións. Débense revalorizar novos tipos de emprego nos servizos que permitan a conciliación, o incremento da calidade de vida e a creación de emprego e riqueza.

O deseño do territorio, o planeamento e a mobilidade. A organización do territorio resulta relevante desde a perspectiva de xénero porque debido á distribución das funcións asignadas, os movementos e os usos son diferentes para homes e mulleres. Por exemplo, os espazos non son neutros, poden vivirse como seguros ou inseguros, por iso é preciso incorporar a perspectiva das mulleres para que non constitúan barreiras para gozar das posibilidades e dos dereitos cidadáns. A mobilidade e a accesibilidade tamén son importantes. O territorio e as comunicacións deben estar deseñadas de forma que permitan a conciliación e a realización das funcións produtivas e reprodutivas. As mulleres deben incorporarse ao planeamento do territorio e ao deseño do transporte público, constituíndo grupos de traballo capaces de identificar funcións, necesidades e riscos que outros colectivos non perciben.

Os cambios culturais e nas formas de pensar. As institucións públicas deben ser modelo e motor da paridade. O sistema educativo debe ter un papel fundamental na desmontaxe do actual sistema de xénero, especialmente na educación afectiva que permita que nos desnvolvamos dun xeito máis completo. As novas tecnoloxías constitúen actualmente un reto para a igualdade que debe ser afrontado inmediatamente. Por outra banda é preciso potenciar o empoderamento das mulleres, a revalorización da contribución das mulleres a sociedade, a pluralidade de imaxes do feminino e masculino. É preciso superar os estereotipos no que respecta ao mundo do traballo, considerado desde a visión dicotómica de produtivo/reprodutivo coa conseguinte asimetría na consideración e no prestixio dun e doutro. A visión social predominante segue a ser que as necesidades da familia pertencen á esfera reprodutiva. É preciso así mesmo superar as rixideces na forma de organización do traballo nas empresas, pensada para o arquetipo de traballador masculino sen obrigas familiares de ningún tipo, incluso con todas as súas necesidades individuais cubertas por outra persoa. Isto implica reorganizar horarios, xornadas, traxectorias e ciclos vitais; en todo caso flexibilizar sen precarizar.