12.12.07

25 de novembro, Dia contra a violéncia de xénero


5 mulleres mortas na Galiza, por violencia de xénero no que vai de ano, 67 no Estado Español. Cada 18 segundos unha muller é maltratada no mundo.

Ti suma e segue coa túa vida: só estamos a falar de cifras. É incrível pero, ultimamente parece que detrás de cada un destes números non hai unha persoa, non hai unha bágoa, non hai un aloumiño, non hai unha dor, non hai nada. Contan-nos o capítulo final dunha historia tráxica chea de golpes e vexacións e nós respostamos co siléncio.

Cando foi que nos convertemos en espectadores e espectadoras pasivas do sufrimento alleo? Cando perdemos a nosa dignidade? Miramos e non queremos ver, ouvimos e non queremos escoitar.

Vivimos nun mundo frívolo e insensível onde só nos preocupamos por facer manifestacións axustadas ao que chamamos o “politicamente correcto”. Deixamos para outras persoas o compromiso, o traballo transformador, o dar a cara e asumir riscos; xa nen as palabras, nen as imaxes espertan en nós un ápice de solidariedade.

Somos covardes e egoístas, lamentamos a violencia que padecen persoas alleas a nós, mas non facemos nada por acabar con ela. Hai moitos anos alguén dixo: “Deixa que te cambie o mundo, e poderás cambia-lo ti a el” Detente, fecha os ollos, respira e agora pensa. Non es ti quen recibe os golpes, non es ti quen pega, mas es ti quen consente día tras día que alguén maltrate e desprece outra persoa.

Se permitirmos calquera tipo de violencia sexista, debemos cargar na nosa conciencia coa responsabilidade das mortes por violencia de xénero. Respectar unha persoa maltratadora significa aceptar e lexitimar o que fai. Un xesto tan simple como o de non consentir actitudes machistas, e manifestar abertamente a nosa repulsa ante comentarios sexistas e condutas agresivas pode servir para quebrar e desfacer a filosofía de vida dos potenciais maltratadores que existan.

As mulleres que padecen violencia de xénero son nais, fillas, amigas, amantes, namoradas. Elas viviron, pensaron e sentiron igual que ti.

É normal que teñamos medo, e que en moitas ocasións precisemos agochar a cabeza ante a crueldade humana, mas de que vale? Se hoxe ti non te enfrontas, se hoxe ti non dis basta terá que ser a túa filla, o teu amigo ou a túa irmá a que teña que dar a cara.

Din que me queres

Querer tería que significar non sufrir, non depender, non atar. Pero, a comezos do século XXI, tras décadas de loita, homes e mulleres sentémonos “esposados” e “esposadas” cunhas alxemas que nos dirixen a unha forma de amar cruel e anti-natural. Por culpa de axentes socializadores como o cine ou a literatura, o concepto de romanticismo deformou-se, xurdindo un novo estereotipo vertebrador das nosas relacións amorosas. Actualmente, todo o mundo aspira a poder disfrutar dunha relación apaixonada e romántica, que sutilmente acaba escravizando a nosa identidade e liberdade.

En máis dunha ocasión, dixemos sentir unha paixón irrefreável que nos queimaba o peito, nalgún momento da nosa vida padecemos por unha persoa e non é a primeira vez que dramatizamos as nosas historias de amor para que sexan dignas de ser contadas.

Non debemos subestimar este padrón de conduta amorosa, xa que determina en moitas ocasións as nosas relacións de parella e, polo tanto, a nosa vida. Esta forma de concibir o amor, tan interiorizada por todas e todos nós, creouna o sistema patriarcal que domina a nosa sociedade, cando viu que a muller comezaba a liberarse do seu xugo. Antes era o matrimonio por conveniencia o que nos sometía, agora é o matrimonio por amor. Pero non calquera amor, é un amor que nos anula e domina, é un amor que nos impide ser nós.

Unha das graves consecuencias desta concepción machista do amor é a violéncia de xénero. Mentres non sexamos quen de mudar este estereotipo cultural que actualmente marca a moita xente nova, non seremos quen de acabar coas agresións sexistas. Para ser felices non temos que sufrir. É máis, para ser felices non precisamos amar eternamente, nin comprometernos para sempre. Aínda que intenten facer-nos pensar diferente, non é indispensável ter parella para ser unha persoa plena, e moito menos cando es maltratada.

Aprendamos a amar sen dramas e polo tanto, sen sexismo. Concibamos un novo romanticismo onde non sexa necesario sentir ciumes, nin tormentos, nin dependencia. As fantasías impostas son mitos inalcanzáveis que se nos dominan e poden arrastrarnos a un cárcere de barrotes invisíveis, onde hai unha persoa carcereira: ti mesma.

CENI, Comisión de Esquerda Nacionalista pola Igualdade.