16.12.07

Un garda civil mata dun tiro na cabeza á súa ex parella en Cambados

J.M.S., de 34 anos, axente da Garda Civil destinado na localidade pontevedresa de Cambados, matou esta mañá dun tiro na cabeza á súa ex compañeira sentimental, segundo informou o Ministerio do Interior nun comunicado. O suceso produciuse pouco antes das sete da mañá de hoxe.
A vítima acudira ás dependencias do cuartel de Cambados para presentar unha denuncia contra a súa ex compañeiro por ameazas e acoso. O axente, que se atopaba de servizo, intentou disuadir á muller para que desistise da súa intención, e ao non conseguilo subiu á súa vivenda, situada no mesmo cuartel, e regresou momentos despois coa súa arma regulamentaria coa que, sen mediar palabra, disparou contra a súa vítima.
A muller recibiu un disparo na fronte e faleceu no acto nas mesmas dependencias do cuartel, sen que os servizos médicos desprazados puidesen facer nada para salvarlle a vida. O garda civil atópase detido na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, pendente de ser posto a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados.