16.11.07

O reto da igualdade


Por Amada Traba.
Profesora na Universidade de
Vigo. Pertence ao Consello Nacional do BNG.

O deseño de calquera política pública que tente construír a igualdade entre homes e mulleres debe partir dunha análise social axeitada. A análise realizada desde o feminismo ten permitido que na actualidade,nos países occidentais, se goce dunha situación de igualdade ata agora descoñecida. As diferentes achegas desde este campo teórico permitiron ver como a construción do sistema de xénero ten repercusións na definición da identidade e nas posibilidades e oportunidades do individuo, no seu xeito de vida, na súa autonomía, independencia económica, capacidade de decisión e de participación, etc.

Este é un dos elementos básicos de partida, pois non se pode construír a igualdade sen unha formulación teórica que permita ver a orixe da desigualdade e definir o horizonte.

É posible abordar a igualdade desde a esfera chamada produtiva; a presenza ou ausencia das mulleres na esfera da produción convértese nun factor determinante no mantemento e reprodución da desigualdade social entre homes e mulleres. Pero esta non é a única condición que determina a consecución da igualdade, pois para chegar a construír unha sociedade de iguais non basta con fomentar a participación das mulleres no espazo da produción, senón que é preciso actuar politicamente no espazo da reprodución, cuantificando o traballo reprodutivo para o seu recoñecemento, socializándoo a través da xeneralización de servizos de atención as necesidades persoais e fomentando o reparto solidario das tarefas reprodutivas ou de coidado entre os dous xéneros.

Vivimos no denominado Estado de Benestar, terceira fase das democracias modernas nacidas da Ilustración, baseadas nun pacto ou contrato social que non só xera uns dereitos de cidadanía, senón que institúe uns dereitos sociais en relación coa esfera da produción. Como as mulleres están excluídas desa esfera non son, realmente, ou na mesma medida, suxeitos deses dereitos sociais. Isto está no trasfondo da feminización da pobreza, tan estendida actualmente, e fai necesaria a reforma dos sistemas de cobertura social. Se as políticas de igualdade non modifican as situacións de exclusión non só non se pode falar de igualdade, senón que habería que preguntarse pola posibilidade da consecución da democracia.

As mulleres temos recoñecidos, formalmente, unha serie de dereitos universais de cidadanía: o dereito á educación, á saúde, ao traballo asalariado, á participación política etc., pero por mor dunha construción de xénero baseada na desigualdade e na subordinación patriarcal, temos máis difícil que os homes o exercicio deses dereitos recoñecidos formalmente. Daquela trátase de avanzar na consecución da igualdade cun carácter máis substantivo, que recoñeza as dificultades que teñen a súa orixe na construción do sistema de xénero de xeito desigual e subordinado, e transformar o modelo relacional dese sistema.

O principio de non discriminación por razón de sexo tradúcese nun tipo de igualdade formal, mesmo legal, que non ten en conta a desigualdade preexistente. A desigualdade que afecta ás mulleres é unha desigualdade estrutural, sustentada no patriarcado.

O establecemento e o recoñecemento da igualdade formal/legal revelouse incapaz por si soa de modificar a situación de desigualdade e foi preciso levar á práctica outras liñas de acción políticas, dedicadas unhas a impulsar a igualdade de oportunidades e outras a establecer medidas de acción positiva co obxectivo de fomentar o emprego das mulleres e mellorar a súa situación no mercado de traballo. Pero a implantación destas accións non evitaron unha desigual incorporación das mulleres no mercado de traballo, porque a equiparación das condicións de acceso non garantiu a igualdade de resultados ao non ter incidido directamente na esfera reprodutiva e doméstica.

A centralidade reprodutiva das mulleres, debido á construción de xénero, repercute na dificultade obxectiva de compaxinar produción e reprodución, que ten como consecuencia unha integración desigual e segregada das mulleres.

As políticas de igualdade, que son consecuencia da reflexión desde o pensamento feminista -sexan de igualdade de oportunidades ou de acción positiva, especificamente dirixidas ás mulleres-, estiveron encamiñadas a combater as desigualdades no ámbito da produción, ou sexa, o espazo dominado polo modelo masculino. Pero desde hai un tempo, coincidindo coa avaliación de resultados desas políticas e co estancamento observado na situación, foi preciso incorporar novas estratexias e actuar con medidas que contribúan ao recoñecemento social e económico do traballo reprodutivo.

O traballo que hai por diante é un traballo de transformación dos atributos que actualmente conforman o xénero masculino e feminino. Supón unha nova construción dos mesmos baseada no reparto igualitario das responsabilidades domésticas como condición indispensable para acadar a igualdade na esfera pública, no mercado e no acceso aos cargos de responsabilidade.

Os destinatarios destas políticas non son exclusivamente as mulleres, como é obvio, senón toda a sociedade, posto que implican profundos cambios estruturais e culturais. Esta orientación implica cambios nos valores, poderes e prestixios; debe ser capaz de demostrar a importancia fundamental que teñen as actividades tradicionalmente atribuídas ás mulleres para o desenvolvemento xeral da sociedade, e por suposto para o desenvolvemento da política e da economía chamada produtiva.

Ademais implica reivindicar unha nova solidariedade entre os sexos -non un pacto sexual de exclusión-, orientada ao equilibrio na vida e abarcando todos os traballos necesarios para o funcionamento da sociedade, así como a reconsideración e a transformación da presente organización socioeconómica patriarcal.

No caso de Galiza é preciso superar unha longa etapa na que realmente non había un deseño de política de igualdade, senón un organismo hipertrofiado que distribuía fondos públicos supostamente con ese fin, xustificando a existencia de políticas de obrigado cumprimento dentro da UE pero sen incorporar a análise teórica adecuada e sen ocupar o espazo político necesario para desenvolvelas seriamente. As políticas de igualdade deberán incorporar a perspectiva transversal en toda a Administración para lograr o obxectivo da igualdade real, a tan citada conciliación de responsabilidades e realizar a tarefa pendente de abordar este reto desde a perspectiva de xénero.

Temos que crear novos modelos de emprego para homes e mulleres que recoñezan o reparto das obrigas por igual e tamén no recoñecemento dunha dimensión máis ampla das persoas que combine o emprego, a familia, e o espazo persoal e social sen que por isto teñan que derivarse desvantaxes sociais ou económicas nin de ningún outro tipo. Ademais, esta nova organización baseada na conciliación vai permitir aproveitar mellor o caudal de recursos humanos tan desaproveitado e mutilador.

As diferentes estratexias a seguir na política de igualdade non son incompatibles entre si. Pódese traballar desde a igualdade de oportunidades, que ten moita importancia para abordar cambios no marco lexislativo, lexislando directamente a favor da equidade a través de leis específicas ou integrais que encaren distintos aspectos da discriminación.

Pero os cambios lexislativos non son suficientes para cambiar os roles e as identidades que permitan o exercicio deses novos dereitos. A acción positiva consiste, basicamente, en corrixir a desvantaxe inicial das mulleres. Isto ven implicar que en igualdade de condicións débese primar a unha muller sobre un home. Unha liña semellante é a coñecida como empoderamento que consiste no emprego de cotas, e en xeral, en capacitar e estimular ás mulleres para elevar a súa conciencia no exercicio dos dereitos e proporcionarlles instrumentos para exercer como líderes.

Da incorporación do marco conceptual de xénero aplicado non só ao mundo da política e da produción, senón tamén á esfera doméstica, xurde unha nova liña de traballo nas políticas de igualdade, aquela que contempla a división dos citados espazos como unha dicotomía de ausencia/presencia, onde, se as mulleres non están no público non é porque estean sen facer nada, pasivas, senón porque están facendo outra actividade, familiar ou comunitaria, nomeadamente voluntaria e polo tanto invisible e gratuíta, mais non inútil nin improdutiva, pero en todo caso fóra do mercado. No campo de aplicación política estamos a falar da transversalidade ou o mainstreaming de xénero nas actuacións de todas as institucións políticas. Esta liña de transversalidade pode aplicarse ás políticas de igualdade de oportunidades ou, o que é máis significativo, para lograr un cambio estrutural no sistema de xénero. O mainstreaming supuxo á incorporación da responsabilidade de abordar políticas para acadar a igualdade en todas as instancias, niveis e políticas do Estado, e o que é mais importante aínda, a incorporación da perspectiva de xénero en todas esas instancias, niveis e políticas. Daquela non só se trata de transversalizar, senón que é preciso ponderar as relacións de xénero diante de calquera intervención política. Esta estratexia, que xa hai cinco anos que ven formulada pola UE, permite experimentar con novas liñas de traballo que afecten e modifiquen a definición patriarcal do xénero. Pode permitir que se modifiquen aspectos estruturais como a consideración e vertebración da familia e do espazo público/privado, así como a modificación da consideración do tempo. Os cambios que están a demandar estas constatacións son de tal calado para a estrutura da sociedade que precisan da incorporación dun profundo cambio cultural e da incorporación activa das institucións públicas e privadas.

O emprego desta estratexia non entra en contradición co emprego das outras estratexias citadas anteriormente. Do mesmo xeito, é importante tamén o emprego da estratexia coñecida como da paridade, que consiste na aplicación de cotas simétricas ou case simétricas. Esta estratexia obriga aos poderes públicos a tomar medidas para lograr unha presenza paritaria de homes e mulleres nas instancias de poder político, social, administrativo e xudicial. Non só non son incompatibles, senón que segundo todas as avaliacións expertas débense manter todas elas ao ser complementarias e ademais a causa do alto grao de concienciación que necesita o mainstreaming.

As liñas de traballo.

A violencia de xénero é unha das lacras sociais máis importantes que é preciso erradicar canto antes. Como é sabido forma parte da propia estrutura patriarcal e dos valores que manteñen a desigualdade de xénero. Neste sentido debe ser un obxectivo prioritario da igualdade. Tamén é sabido que a complexidade do problema fai que a súa abordaxe se teña que facer desde a transversalidade.

A conciliación da vida laboral e familiar. As políticas de creación e ampliación de servizos ás persoas a través de programas e estruturas, optimizando o existente e innovando, buscando solucións aos problemas que se están xa a formular co envellecemento da sociedade e posibilitando unha nova e inxente fonte de novos empregos e dando resposta ás novas demandas de benestar do colectivo maior e das persoas que hoxe os atenden en condicións extraordinariamente precarias. O noso país presenta un escandaloso déficit estrutural de servizos para o coidado das crianzas, das persoas maiores e das persoas dependentes en xeral.

É preciso facer un gran esforzo de investimento e de reorganización das prestacións (coberturas, poboación destinataria, horarios etc.), nun prazo curto de tempo en servizos como: centros de coidado de día, servizos de coidado persoal de proximidade, atención domiciliaria, cobertura total da demanda de escolarización infantil, reorganización do horario escolar, servizos nas escolas que permitan a conciliación (comedores e custodia fóra de horario escolar). É preciso igualmente investir en programas que contemplen o cofinanciamento dos servizos de atención ás persoas, e programas que poñan en marcha novos e innovadores mecanismos de cooperación e axuda mutua no campo dos servizos ás persoas e ás familias para o cal é preciso que sexan as persoas as protagonistas no proceso de formulación das demandas e necesidades así como das posibles solucións. Débense revalorizar novos tipos de emprego nos servizos que permitan a conciliación, o incremento da calidade de vida e a creación de emprego e riqueza.

O deseño do territorio, o planeamento e a mobilidade. A organización do territorio resulta relevante desde a perspectiva de xénero porque debido á distribución das funcións asignadas, os movementos e os usos son diferentes para homes e mulleres. Por exemplo, os espazos non son neutros, poden vivirse como seguros ou inseguros, por iso é preciso incorporar a perspectiva das mulleres para que non constitúan barreiras para gozar das posibilidades e dos dereitos cidadáns. A mobilidade e a accesibilidade tamén son importantes. O territorio e as comunicacións deben estar deseñadas de forma que permitan a conciliación e a realización das funcións produtivas e reprodutivas. As mulleres deben incorporarse ao planeamento do territorio e ao deseño do transporte público, constituíndo grupos de traballo capaces de identificar funcións, necesidades e riscos que outros colectivos non perciben.

Os cambios culturais e nas formas de pensar. As institucións públicas deben ser modelo e motor da paridade. O sistema educativo debe ter un papel fundamental na desmontaxe do actual sistema de xénero, especialmente na educación afectiva que permita que nos desnvolvamos dun xeito máis completo. As novas tecnoloxías constitúen actualmente un reto para a igualdade que debe ser afrontado inmediatamente. Por outra banda é preciso potenciar o empoderamento das mulleres, a revalorización da contribución das mulleres a sociedade, a pluralidade de imaxes do feminino e masculino. É preciso superar os estereotipos no que respecta ao mundo do traballo, considerado desde a visión dicotómica de produtivo/reprodutivo coa conseguinte asimetría na consideración e no prestixio dun e doutro. A visión social predominante segue a ser que as necesidades da familia pertencen á esfera reprodutiva. É preciso así mesmo superar as rixideces na forma de organización do traballo nas empresas, pensada para o arquetipo de traballador masculino sen obrigas familiares de ningún tipo, incluso con todas as súas necesidades individuais cubertas por outra persoa. Isto implica reorganizar horarios, xornadas, traxectorias e ciclos vitais; en todo caso flexibilizar sen precarizar.

Olvido aos epiléticos na Galiza de hoxe


“A historia da epilepsia pode resumirse en 4.000 anos de ignorancia, superstición e estigma, seguido de 100 anos de coñecemento, superstición e estigma”

Rajendra Kale ( Membro Unidade Mundial de Neuroloxía).

Cincuenta mil galegos padecen hoxe en día epilepsia na Galiza aumentándose esta cantidade en mil cincocentos casos cada ano.

Có fin primordial do apoio o doente epiléptico en tódolos campos, solicitar os servizos públicos para a mellora da asistencia sanitaria e informar a sociedade en xeral para mellora-la percepción da enfermidade naceu hai xa 10 anos UGADE (Unión Galega de Epilepsia) en Santiago de Compostela.

Entre os fins máis importantes que esta organización persigue de maneira altruísta son:

- Promovela integración social, laboral, escolar e familiar do enfermo epiléptico.

- Sensibiliza-los poderes públicos e á sociedade en xeral sobre a epilepsia.

- Ofrecer, tanto os pacientes como as súas familias, apoio, asesoramento e información precisa sobre a epilepsia.

- Dar asesoramento xurídico na defensa dos pacientes epilépticos.

- Conseguir a creación de servizos que contribúan a mellorala calidade de vida destes pacientes, etc.

Unha vez máis queda demostrado o pouco interese que o Sergas e a Xunta de Galicia teñen na atención deste tipo de patoloxías, tendo que suplir unha asociación sen ánimo de lucro nunhas funcións os organismos públicos “incompetentes” neste e moitos campos máis da Sanidade no noso país.

Ata o de agora era un grupo de médicos que de forma totalmente altruísta uníronse, os que prestaban atención e trataban os epilépticos, pero agora a situación agravase o ser destinado o “único” neurólogo especializado en epilepsia deste grupo, a Burela. Ábrese unha grave inquedanza entre os epilépticos e as súas familias xa que a persoa que o sustituia non terá a obriga de ocuparse da unidade de epilepsia xa que está non existe de maneira institucional.

A raíz deste problema Ugade ven de sacar unha campaña de recollida de sinaturas para apoiar a creación dunha “Unidade Galega para a Atención do Epiléptico” que dependa dos Organismos Oficiais e que cumpra coa atención adecuada e urxente de tódolos epilépticos da Galiza.

Nun comunicado publicado recentemente en diversos medios de comunicación UGADE sinala que o 75% dos epilépticos teñen a súa epilepsia controlada existe un 25% que necesita axuda xa que as súas circunstancias vitais e sanitarias son moi desfavorables e non poden ser esquecidos nin desatendidos. A asociación lanza varias preguntas o aire que non tiveron resposta do Conselleiro de sanidade, entre as máis graves podemos sinalar: ¿serán os epilépticos atendidos por neurólogos moi cualificados pero sen ningún tipo de experiencia en epilepsia?, ¿manteranse os ¡¡dous anos!! de espera para consulta externa ou os ¡¡¡máis de dous anos!!!!! para a realización da proba de vídeo EEG en doentes con ¡¡crise repetitivas!!!.Outra afirmación grave que realiza UGADE é que o Xerente do hospital Clínico sinalou que xa se uniran o hospital Universitario os neurólogos do hospital de Conxo e que aínda así non se reduciran nada as listas de espera e non existen perspectivas de que iso suceda polo que se preguntan se non existen ganas por parte deste hospital de deixar de lado a atención os epilépticos.

Todas estas preguntas levan a Unión Galega de Epilépticos a afirmar que a administración sanitaria do noso país estaría abandonando a súa sorte a estes doentes se definitivamente non crea de modo oficial a unidade de Epilepsia de Galiza nin a dota dos recursos imprescindibles ao tempo que xoga alegremente cos presupostos o non querer ver que o elevado custo económico que a lista de espera existente causa o contribuínte e o sistema social é superior o custe que suporía unha maior dotación de equipo humano e sanitario no hospital Clínico de Santiago. Tamén se dirixen directamente os responsables da sanidade do noso país e lles piden que senón rectifican a súa acción sanitaria ante a epilepsia por razóns médicas e humanitarias o fagan por diñeiro porque será máis barato dispor dunha unidade de Epilepsia ben dotada coa inmediata consecuencia dunha diminución no gasto farmacolóxico, que manter ano tras ano listas interminables de doentes crónicos que están obrigados a inxerir o longo da súa vida, moitas veces dende a nenez, unha custosa medicación e que, en ocasións, pola gravidade da enfermidade, son ademais, pensionistas do sistema da Seguridade Social que todos pagamos. Pídenlles que desembolsen agora, para aforrar a medio prazo.

Por todo o anteriormente citado dende UGADE solicitan a creación oficial da “Unidade de Epilepsia do Hospital Clínico Universitario de Santiago”, dotada co persoal e os equipos médicos necesarios, segundo o establecido no “Libro Branco da Epilepsia do Parlamento Europeo”, para darlle os enfermos epilépticos galegos a asistencia razoable rápida e adecuada que merecen e sobre todo, a que teñen dereitos.

Pretendo con este artigo dar a coñecer a todos o duro que é ser epiléptico hoxe na Galiza, porque aínda que é duro ter que ver e sentir como alguén próximo a ti o pasa mal e ten crise tras crise, como ve limitada a súa vida a cousas que a enfermidade lle permite, mais duro aínda e que as autoridades que deberían ocuparse de que esta xente estíbese o mellor atendida dentro do posible e se sentisen integrados e comprendidos, o único que fai e ir de cuchipandas e inaugurar metros de asfalto e vender as súas obrigas como boas accións.

Só nos queda a esperanza os epilépticos e as súas familias de que en outubro a incompetencia e indiferenza que o PP ten connosco se transforme en atención por parte dun Goberno de esquerdas, xa que aínda estando na oposición xa o responsable de sanidade do parlamento por parte do BNG e o noso candidato a presidir a Xunta están movéndose e informándose dos avances na situación e en contacto directo con UGADE.Esperemos e confiemos que dentro de nada todos estes problemas e atrancos se transformen en solucións e benestar para tódolos epilépticos, porque eles tamén forman parte do noso pais.

Por Patricia Pampillón.

A pertinencia de Nación

Iolanda Galanes

Profesora da Universidade de Vigo

Asistimos nos últimos tempos a todo un rebumbio mediático a propósito do Estatut de Catalunya que a propósito do termo Nación. O resultado desta lide terá consecuencias na definición do status doutras nacións nos seus propios estatutos, eis a fereza da loita.

Os microscopios estatais están pendentes das propostas estatutarias, do que eles chaman propositadamente “a periferia” ou “provincias” (ambas as denominacións son suficientemente significativas como cualificativo, que connota e non só denota). Asuntos como o rebordamento territorial ou a denominación de nación suscitan ataques, descualificacións, falsas ofensas e tantas outras estratexias non descoñecidas no devalar da historia.

Non entraremos en argumentos históricos, non se trata de medir que comunidade é máis ou menos nación, pois as chamadas “nacionalidades históricas” non son precisamente as que negan o status de nación a ninguén. Remitirémonos exclusivamente a un levantamento lexicográfico e terminográfico do termo, para tentar detectar qué agocha toda esa furia.

Se procuramos o termo nación no Dicionario da Real Academia Galega, topámonos con esta definición: “Comunidade humana instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa”.

Os caracteres definitorios estabelecidos nunha fonte lexicográfica nada sospeitosa de independentismo, nin de “contaminación política” son, xa que logo, terrritorio, tradición, cultura, intereses económicos e unidade lingüística. É evidente aos ollos de calquera que Galiza presenta todos e cada un dos requisitos neste curioso casting. Ademais este termo, nesta acepción, é utilizado referido a Galiza polos nosos autores literarios e non literarios, abonda cunha busca no Tesouro Informatizado da Lingua Galega en liña.

Mais vexamos como se codifica esta realidade nos dicionarios de español. Comezando por o diccionario da RAE. Nación: 1. Conjunto de habitantes de un país regido por el mismo gobierno. //2. Territorio de ese país.//3. Conjunto de personas de un mismo origen y que generalmente hablan un mismo idioma y tienen una tradición común. Nótese subliñamos o sema que, a mantenta, vincula o concepto de nación co de estado sinalando o goberno propio como requisito ineludíbel na primeira das acepcións. Noutros repertorios coma o Diccionario del español actual a definición vai aínda máis aló e codifica como “Grupo humano que, asentado sobre un territorio definido y con una autoridad soberana, constituye una unidad política. Non imos entrar no significado dos fragmentos subliñados, pois non é lugar de falarmos de gobernos lexítimos (ou non), nin de soberanía ou unidade política. Só unha interpretación xacobina destas definicións, que é a primeira e máis importante das acepcións consignadas en ambos os dicionarios, serve para explicar o alporizado ton dos detractores do termo nación para “os outros”.

Detectamos unha identificación dos termos nación e estado, identificación sen dúbida interesada, ao engadir o concepto de soberanía política como parte irrenunciábel da definición. Identificamos esta interpretación como marcadamente ideolóxica, ao comprobarmos que o termo nación preexiste ao de estado e que o estado-nación é só un tipo de nacións.

Polo demais, non é cuestión aquí de que nos empeñemos en acadar a soberanía, que tamén podía ser, senón que procuraremos afondar no concepto nación para lexitimar a nosa proposta.

Consultados fontes lexicográficas doutras linguas (francés, inglés, italiano, portugués) comprobamos que en todas elas se sinala, como acontecía no caso galego, que o termo nación pode incluír ou non a noción de estado. Un estado pode estar composto por varias nacións como foi o caso do imperio austro-húngaro ou da URSS e pola inversa unha nación pode estar dividida en varios estados (por ex. a nación curda, a xudea, etc). Doutra banda, no mundo británico ninguén lle nega a categoría de nación a Escocia ou Gales, mesmo se non contaron con parlamento até hai ben pouco. Por que se obvia esta opción premeditadamente nas fontes españolas?. Se anteriormente valeu, se as linguas occidentais o recoñecen: porque ese empeño en negalo??

A anormalidade da situación tamén se percibe no interese en procurar sinónimos ao termo nación, por exemplo: comunidade nacional, ente nacional, autonomía nacional etc. Proliferación sinonímica desaconsellada, doutra banda, en boa práctica terminográfica. Como subterfuxio, tamén poderiamos cuestionar se España é unha nación, ou unha comunidade nacional, ou unha nación de nacións, ou un estado plurinacional, ou, ou... O imperio contraataca perante a nec(es)idade de negar a nación.

O trazo común en todas as definicións de nación é a existencia nesa comunidade dun sentimento común, unha especie de solidariedade psicolóxica que se remonta ás xeracións anteriores e que se proxecta no futuro. A existencia deste trazo é absolutamente innegábel no caso galego. No futuro é onde todos e todas temos que decidir qué queremos ser, como queremos ser recoñecidos. Sermos recoñecidos como o que somos, unha nación, implica manter a cohesión espiritual que, malgré tout, herdamos dos nosos devanceiros. Só así poderemos pór freo á corrosión de rivalidades interesadas e intereseiras, facendo da nosa forza autoridade, mais sen conflitos, cunha visión aberta, europea, moderna e progresista.

Non negamos ningunha acepción. Non gostamos de polémicas. Somos xentes pacíficas. Nós si sabemos o que somos.

As primeiras mulleres no teatro galego

Se o camiño percorrido polo teatro galego para acadar o estatus que ten a día de hoxe estivo marcado por grandes barreira lingüísticas, económicas, sociais e sobre todo políticas; o camiño transitado pola muller neste eido artístico foi aínda máis difícil. Ademais de facer fronte á difícil situación na que se atopaba o teatro galego a finais do século XIX e comezos do vinte, carente dunha tradición escrita como a poesía, de escritores con escaso dominio da técnica teatral e de actores dispostos a representar en galego, a muller tiña que encarar e asumir as dificuldades que implicaba a integración no mundo da arte dionisíaca, nunha sociedade na que a sombra do home vixiaba cada un dos seus pasos.

Entre o fin do século XIX e comezos do XX case todas as asociacións e agrupacións recreativas tiñan cadro de declamación formado por actores e actrices amadores, mais o repertorio que representaban era en español. Había moitas reticencias a representar en galego, sobre todo polas mulleres. Unha mostra disto témolo no cadro de declamación do Liceo Brigantino da Coruña que estrou o 13 de agosto de 1882 A fonte do xuramento de Francisco Mª de la Iglesia. A muller que interpretou a personaxe de Minia foi unha rapaza de orixe francesa, pois ningunha da Coruña o quixo facer. No 1903 a Escola Rexional de Declamación ainda en proxecto declara que ten dificuldades para conseguir actrices que representen en galego. Mais sábese que este problema foi resolto, pois as obras que representaron tiñan varios papeis femininos, e ademais na Historia do Teatro de Laura Tato Fontaíña aparece unha foto do 1905 dos membros da Escola, na que están ao carón de varios homes, tres mulleres (Julia e Maria Anguita e Consuelo Puga) e unha nena (Celia Anguita).


A situación precaria na que estaba sumido o teatro foi mellorando aos poucos. Apareceron os primeiros coros con cadro de declamación propia preocupados por impulsar o teatro galego, no 1917 nasce o 1º cadro de declamación cun repertorio só en galego. En todos eles a presencia de actrices galegas, interpretando en moitas ocasións papeis protagonistas (Minia de Manuel Lugrís, Sabela ou ¡Filla...! de Galo Salinas...) transformouse nunha realidade que proseguirá ata a actualidade . A partires de aquí e co impulso das Irmandades da Fala o teatro galego entrará nun proceso evolutivo que será freado, primeiro pola ditadura de Primo de Rivera e despois, como é ben sabido por todos, pola gerra civil española.


Mais a creación da muller no panorama teatral galego anterior a guerra civil, non se atopa exclusivamente no campo da interpretación, tamén na dramaturxia. Tres son as mulleres que chegaron ata nós como as primeiras escritoras de literatura dramática: Dolores del Río Sánchez Granados, Carmen Prieto Rouco e Herminia Fariña e Cobián.


- Dolores del Río Sánchez Granados (? ) Pertenceu a ese grupo de escritores que motivados pola escaseza de pezas decidiron escribir obras teatrais en galego para os grupos aos que ou ben pertencían ou ben estaban ligados. Escrebeu Lonxe da aldea, cadro darmático estreado na Coruña no 1914; A Pantasma, monólogo estreado na Coruña en 1916, Costumes Novas e mais Parla e Parrafeo para os alumnos das “Doctrinas Sociales e Escuelas Nocturnas Obreras”. Posíbelmente as súas obras estean perdidas pois non se ten información de que fosen publicadas. Ademais a súa aportación ao drama galego debeu ser ocasional pois o seu nome non aparece no Diccionario de Literatura Galega. Autores. de Galaxia, nen na Historia de Literatura Galega de Carballo Calero nen na de Fernández del Riego.


- Carmen Prieto Rouco (1901-1977) Naceu en Vilalba o 13 de Xaneiro. Escribiu dous monólogos de propaganda política, un a favor das Irmandades da Fala (A Loita) e outro sobre a guerra de África (O Lexionareo); ambas representadas en Vilalba en 1923 e 1925 respectivamente. Publicou no 1926 o tomo Horas de febre. Poesías galegas. Monólogos representados, no que figuran os monólogos anteriormente citados. Foi criticada por frecuentes erros de medida e ritmo e por un galego forzado, crítica que recoñecería humildemente nunha das poesías desta publicación. Outras obras dramáticas son: A boda do afillado, moi representado na altura, a zarzuela Treidores celos, o sainete O secreto da bruxa e a traxedia en verso O embargo.


- Herminia Fariña e Cobián: (Compostela, 1904-1966). Desde nena cultivou a poesía. Publicou varios volumes en castelán e en galego catro poemas no libro por España y para España! (el libro del combatiente), 1937;e Seara (1924). Colección de temática galega ruralizante. En marzo de 1927 estrea no Teatro Principal de Santiago a obra Margarida a malfadada,dirixida por Mariano Tito Vázquez. Nos dous meses anteriores a prensa galega estivo anunciando a súa estrea; e a ela acudiron ademais de autoridades municipais un representante da Deputación. En Pontevedra o Gobernador Civil agasallou a autora. A verdade de toda esta hipocresía e que era unha escritora tolerada polo poder porque na estrea presentara unha peza galega e outra española, La Marquesa de Miraflores, e contaba tamén cun poemario español . Animada por semellantes éxitos tentou fundar unha compañía que levase por Galiza e América as súas obras, mais foi imposíbel pola falta de apoios económicos. A Agrupación Dramática de Vigo interesouse polo seu traballo e Fariña escribiría para eles O soldado froita, diálogo cómico, estreado no Teatro Tamberliken en Decembro do 1927. Escrebeu tamén O avarento, peza en tres actos estreada antes da guerra con música de José Jané. En 1960 publica Garabanza e prego a miña aldea, escrito en verso de exaltación a terra nai.


Un dado importante a salientar aquí é que segundo informa Ramón Piñeiro na revista Insula, Rosalía tería escrito unha peza teatral por encargo da Sociedade Cultural de Pontecesures. Esto significaría por unha parte que tamén unha muller cultivou o teatro no século XIX , e despois que esa muller (a primeira escritora teatral) é a nosa querida Rosalía; polo que probabelmente a obra tería unha grande calidade literaria.


A partires deste momento as mulleres non se volverán a pronunciar ata a década dos 60 , xa en plena ditadura. A primeira será Xohana Torres, actriz nesta década no grupo ferrolán Teatro-Estudio, e autora das obras: A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968). De aquí en diante a presencia da muller no teatro irá en aumento en todas as áreas da arte dramática sobre todo no teatro infantil e na área de interpretación.


Por Diana Mera, actriz na Escola de Arte Dramático de Porto.

A nova política lingüística

Por Iolanda Galanes Santos. Profesora na Universidade de Vigo. e membro do Consello da Cultura Galega.

Non podemos evitar o optimismo, non. Foron anos de arelas adiadas, de proxectos na gabeta e de tímidos avances, mais tamén de perda de oportunidades. Cómpre agora saber se realmente os tempos son chegados. Coido que si, mais non é tarefa só de partido, nin só de catro anos. A recuperación do tempo perdido ten que se basear nunha proposta de futuro integral e integradora, moderna e ben xestionada. Pero ademais, non podemos esquecer a función simbólica da lingua: chegou o momento de decidir qué queremos ser hoxe, en vinte ou en cen anos. Apostamos por un país normal(izado).

E agora vén o complicado, como conseguilo sen hostilidades gratuítas?

Unha primeira estratexia será basearnos nos consensos, de inicio na Lei de normalización lingüística e mais no Plan, sen renunciarmos a desenvolvementos posteriores, reformas ou adaptacións necesarias para novas situacións. Este consenso inclúe a defensa ante trasgresións flagrantes. E tamén inclúe a priorización de tarefas, nomeadamente en sectores estratéxicos como a educación infantil ou as novas tecnoloxías, eles son o noso futuro.

A segunda estratexia ten que ver coa transversalidade. Na nosa oferta lingüística temos que ter unha visión integral, que rendibilice as accións con efectos multiplicadores. Non podemos circunscribir a acción a un departamento. Por pór un exemplo, podemos introducir a lingua na formación de todo tipo. A nosa lingua serve para a expresión de contidos especializados, capacitemos pois os/as nosos profesionais! 2x1. Abundando no 2x1, fornezámolos/as de ferramentas informáticas en galego, se queremos realmente normalizar. E máis...

A terceira estratexia ten que ver coa reformulación da posición do noso idioma a respeito doutras linguas. Temos que defender a inclusión do galego no marco da actual sociedade multilingüe en pé de igualdade. Non se trata de discriminar ningunha lingua e, por iso, hai que facer visíbel a lingua propia que coexiste con outra e con outras. A visibilidade esixe superar fronteiras e para iso propomos, poñamos por caso, deseñar unha política de tradución planificada que dignifique a nosa lingua e a nosa cultura alén, espallar o uso da lingua en Internet, para o que contribuiría significativamente que todos os webs institucional arrincasen en galego, sen prexuízo de tradución a outras linguas, claro! O galego lingua por defecto como filosofía.

Calquera pode pensar que estamos a escribir a carta aos reis magos, que non é posíbel sustentar economicamente esta política. Pois ben, non se trata de alargar orzamentos, senón de xestionalos doutro xeito. Cómpre coordinar actuacións, recuperar vellos proxectos, como a proposta de comarcalización de servizos lingüísticos demandada pola Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización, aló polo ano 1998. Estas iniciativas, sen dúbida, rendibilizan a actuación institucional, como tamén as novas accións que terán por obxecto todo o país, toda a poboación. Urxe investir en infraestrutura de apoio, por exemplo, para a planificación lingüística e para a terminoloxía, cómpre crear entidades superiores de coordinación, estabilizar servizos lingüísticos e compartir recursos esquecendo a política de leiras ou as leiras da política.

Capital humano, infraestrutura, coordinación, priorización, transversalidade, tolerancia, transparencia, eficacia e racionalidade para a política lingüística desta Galiza emerxente que fai bandeira das industrias da lingua. Eis a cuestión, eis a ilusión.